Thursday 19 de September de 2024

O prazo para presentarse ao concurso de ideas que permitirá completar a reforma da antiga Comandancia de Obras e convertela en CIDEA ábrese ata o 30 de xaneiro


O Goberno municipal, que investirá 1,2 millóns na primeira fase do proxecto, realiza este concurso de ideas para a execución das fases posteriores nas que se inclúen a recuperación de tres edificios para contar cun centro activo de industria cultural

O Concello coruñés informa de que se convocou o concurso de ideas para as fases finais do plan municipal que permitirá converter a antiga Comandancia de Obras na Mestranza en Coruña Idea (CIDEA), o proxecto estrela do Distrito Creativo, enmarcado dentro da iniciativa Coruña Futura.
O prazo para presentar propostas no Rexistro do Pazo Municipal deMaría Pita finaliza o 30 de xaneiro do próximo ano ás 14.00 horas.
Tras lograr a firma dun convenio entre o Concello e o Ministerio de Defensa para a cesión dos terreos, o concurso de ideas céntrase na adecuación a uso cultural-docente das edificacións existentes no recinto da antiga Comandancia Militar de Obras e a ordenación dos espazos libres, na zona da Maestranza.
O Concello encóntrase na fase de redacción do seu plan estratéxicoCoruña Futura, no que se inclúen como eixes fundamentais a creatividade e a produción a través do proxecto dun centro dirixido ás diferentes esferas nas que o deseño intervén. O denominado Distrito Creativo leva consigo a transformación do centro histórico e o seu ámbito nun espazo de creatividade e deseño para impulsar esta zona como un lugar para a expresión artística, a tecnoloxía, o coñecemento, a innovación e o turismo. E neste punto, xoga un papel estratéxico a posta en marcha de CIDEA, que xa empezou a dar este ano os seus primeiros pasos grazas á colaboración da Fundación Luis Seoane.
O proxecto de acondicionamento e renovación destas instalacións, situadas nunha parcela de máis de 5.000 metros cadrados na antiga Comandancia de Obras, é complexo porque afecta a un total de 9 espazos situados nun total de 6 construcións, polo que é necesario analizar o proxecto en tres fases.
A primeira fase de CIDEA considera o acondicionamento de seis espazos -que se destinarán ao deseño, gravados e o audiovisual- e para a que xa se reservou un investimento aproximado de 1,2 millóns de euros. Serán a segunda e terceira fases do proxecto -nas que se inclúen a adecuación doutros dous espazos polivalentes e do edificio racionalista- as que dependerán da proposta gañadora do concurso de ideas que se acaba de convocar e no que o Concello conta coa colaboración do Colexio de Arquitectos.
O concurso de ideas recollerá aquelas propostas que precisamente crearán as condicións axeitadas para a implantación na antiga Comandancia de Obras dos usos e actividades necesarios para impulsar CIDEA. A proposta gañadora tamén servirá de anteproxecto
-ademais de calcular un presuposto aproximado para a execución destas fases finais de CIDEA- para adecuar tres das naves existentes na parcela e a urbanización do ámbito co fin último de crear un centro activo de industria cultural.
O xurado do concurso estará formado polo alcalde ou persoa en quen delegue como presidente e por tres vogais: o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia ou persoa en quen delegue; un técnico da Oficina Municipal de Rehabilitación; e un profesor técnico por proposta dos participantes no propio concurso. Deste xeito, o Concello segue adiante coa súa aposta por contar con colexios profesionais e expertos á hora de definir os grandes proxectos para A Coruña. En total, repartirase 12.000 euros en premios: 7.000 euros para a proposta gañadora, 4.000 euros para o segundo clasificado e 1.000 euros para un accésit.